jueves, 14 de noviembre de 2013

OBRADOIRO DE NANAS


OBRADOIRO DE NANAS EN CARBALLO PARA NAIS, PAIS, FAMILIARES E FORMADOR@S
Para comezar a transmitir a lingua co poder emocional das nanas e cantos de berce

·         O obradoiro será impartido polo cantante Xabier Díaz, coa colaboración do músico Guillerme Fernández, ambos de Berrogüetto, aCadaCanto ou Arrolos de salitre

·         Terá lugar os días 20 e 27 de novembro, de 17.00 h a 19.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo, e a inscrición é gratuíta

·         O obxectivo é que nais, pais, outr@s familiares e formador@s poidan aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés e comezar a transmitirlles a lingua e a música

[Carballo, 6 de novembro de 2013]

O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis un obradoiro de nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futur@s, así como a outr@s familiares, formador@s ou persoas interesadas que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés.

Este pequeno obradoiro terá catro horas de duración, e desenvolverase o mércores 20 e o mércores 27 de novembro, en horario de 17.00 h a 19.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. A inscrición é gratuíta e pode facerse no Servizo de Normalización Lingüística (no Pazo da Cultura) ou no teléfono 981 704 304, en días laborables en horario de mañá.

De impartir o obradoiro encargarase, igual que o ano pasado, o músico bergantiñán Xabier Díaz, que é cantante dos grupos Berrogüetto e aCadaCanto e que, entre outros proxectos, publicou hai dous anos o exitoso disco Arrolos de salitre, un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego. Este disco foi editado xunto co músico Guillerme Fernández, tamén músico de Berrogüetto e aCadaCanto, e que tamén participará neste obradoiro.

Nas dúas sesións das que consta este taller, as persoas participantes aprenderán a cantarlles aos bebés diversas nanas galegas, tanto de autoría como populares.

Xa os dous anos anteriores se organizou desde o Servizo de Normalización Lingüística de Carballo un obradoiro de características semellantes, que fora impartido en 2011 por Ugia Pedreira, cantante de Marful, e en 2012 por Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Nesta edición este Obradoiro de nanas organízase en colaboración coa asociación Á beira dos miúdos, para o acompañamento en maternidade, crianza e educación respectuosa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario